Galicia ten sido historicamente un dos lugares con maior relevancia dentro do sector apícola na Península Ibérica1Guy Lemeunier, “La apicultura en Francia y España entre los siglos XVIII y XIX”, Historia agraria: revista de agricultura e historia rural, 54 (2011), páxs. 17-40, páx. 38.. A diversidade de flora existente no seu territorio, tanto arbórea, como arbustiva ou de cultivos, favoreceu o aproveitamento das abellas melíferas por parte das comunidades rurais2Benigno Ledo,Cursillo práctico de apicultura adaptado a la región gallega, Lugo, Imprenta Provincial, 1946; e Ramón Pimentel Méndez, Manual de apicultura escrito expresamente para los apicultores gallegos, Vigo, Establecimiento Tipográfico Faro de Vigo, 1893.. Os enxames mantíñanse en colmeas estantes que aproveitaban os recursos endóxenos locais, xa que nesta rexión non era necesaria a realización de transhumancia para o mantemento destes insectos ao longo do ano, ao contrario do que acontecía noutros ámbitos xeográficos3Lemeunier, “La apicultura en Francia…”.. Deste modo, a apicultura formaba parte das economías de subsistencia nas áreas rurais, sendo unha actividade sumamente relevante tal e como mostra a existencia de máis de 366.000 colmeas a mediados do século XVIII4Clodio González Pérez, Apicultura tradicional no concello de Navia de Suarna (Lugo), Lugo, Diputación Provincial, 1989.; aproximadamente tres veces máis das que hai censadas na actualidade. Estas colmeas tradicionais, feitas fundamentalmente de madeira ou de cortiza5Ramón Otero Pedrayo, Historia de Galiza II, Madrid, Akal, 1979, páxs. 328-329., eran utilizadas nas economías familiares para a recolección dos dous principais produtos apícolas: o mel e a cera. Deste modo, os cortizos, covos ou trobos6As colmeas fixistas de Galicia podían ser cortizos, construídos a partir da cortiza da sobreira (Quercus suber); covos, feitos de troncos baleirados, ou trobos, a partir de madeiras unidas (Alexandre Cendón González, Damián Copena e Diego Copena, Favum, o lugar da cera, Covelo, CMVMC de Paraños, 2011, páxs. 4-5). permitían obter ás persoas apicultoras producións para o seu uso nas unidades económicas labregas ou para a súa comercialización7Guy Lemeunier, “Geografía de la cera en España y Francia, 1750-1850”, Investigaciones de Historia Económica, 7 (2011), páxs. 259-269..
A actividade apícola galega tradicional fixista —cuxa denominación deriva de que os favos creados polas abellas non se poden mover—, contaba cunha escasa dedicación temporal8Pimentel Méndez, Manual de apicultura…, páx. 7.. A dificultade para a interacción humana no interior das colmeas, inherente á apicultura tradicional, propiciaba que os principais traballos se vinculasen coa construción de colmeas, a obtención de enxames silvestres e a recolección do mel e a cera a partir da castra —proceso que implicaba cortar parte dos favos das colmeas9Xuaco López Álvarez, Las abejas, la miel y la cera en la sociedad tradicional asturiana, Oviedo, Real Instituto de Estudios Asturianos, 1994.—. Así, a apicultura en Galicia foi historicamente unha actividade claramente ligada ás economías familiares de subsistencias, cun reducido ratio de colmeas por apicultor e con manexos pouco intensivos. Deste modo, a apicultura en Galicia mantívose sen grandes modificacións ata a entrada no territorio dunha nova concepción desta actividade rural: a apicultura mobilista.
Efectivamente, o manexo das abellas vai comezar a transformarse conceptualmente coa chegada, a partir da segunda metade do século XIX, de varios descubrimentos foráneos. As diferentes innovacións científicas aparecidas, como o paso da abella —espazo entre os elementos do interior da colmea que os insectos non encherán con cera ou con própole—, foron a base para a aparición dunha nova maneira de entender a actividade apícola articulada ao redor do cadro móbil nas colmeas10Dennis vanEngelsdorp e Marina Doris Meixner, “A historical review of managed honey bee populations in Europe and the United States and the factors that may affect them”, Journal of Invertebrate Pathology, 103 (2010), páxs. S80-S95., o que permite deseñar novas tecnoloxías que posibiliten unha maior intervención das persoas apicultoras no interior das colmeas e na actividade das mesmas. Deste modo, a partir do desenvolvemento destas innovacións, aparecen avances tecnolóxicos asociados como as colmeas mobilistas, o extractor de mel ou as laminadoras da cera11López Álvarez, Las abejas, la miel y la cera…, páx. 155-156.; elementos que supoñen unha transformación radical do oficio. Esta apicultura “moderna”, denominada mobilista pola posibilidade de mover os cadros do interior da colmea, tiña asociados procesos que permitían unha intensificación da apicultura coa introdución de insumos e manexos moito máis intervencionistas que na apicultura tradicional. Deste modo, múdase o obxectivo da actividade, que persigue alcanzar a máxima produción posible de mel, reducindo a importancia da recolección de cera12Pimentel Méndez, Manual de apicultura…, páx. 9.. Un elemento este último do que Galicia era unha das principais rexións produtoras13Lemeunier, “Geografía de la cera…”, páx. 260. e sobre o que estaba asociada unha significativa industria rural de prensado, branqueo e manufactura que se localizaba principalmente en determinadas áreas de media montaña da Dorsal Galega, como Forcarei ou Covelo14Damián Copena, “La industria apícola cerera en el rural de Galicia (1750-1950)”, Revista de historia industrial, 74 (2018), páxs. 13-42., e que, conforme avanza o proceso modernizador, vai ir perdendo relevancia.
A nova forma de entender a apicultura, iniciada en Estados Unidos, comeza a difundirse e a ser aplicada en outras rexións. En Europa, en Francia, o mobilismo adquire relevancia15Charles Dadant, “Mobilism v. Fixism”, The British bee journal, 53, V (1877), páxs. 86-87., difundíndose desde alí a outros espazos xeográficos, como acontece con Galicia, un dos primeiros lugares na Península Ibérica nos que se produce a introdución de colmeas mobilistas. Este feito vai a producirse da man de Benigno Ledo, considerado, como revela este texto, a figura máis importante en relación coa introdución e a difusión destas innovacións apícolas no territorio galego. Un proceso que desenvolve influenciado polo contexto que se está a experimentar en diferentes lugares do planeta mediante a divulgación dos novos coñecementos e tecnoloxías que xorden no proceso de modernización da apicultura. O Cura das abellas, alcume polo que será coñecido, exercera un papel fundamental na divulgación desta nova forma de entender a relación coas abellas desde diferentes vertentes e actuacións. Entre estas últimas destaca principalmente o seu desempeño, a partir de 1927, como profesor de apicultura na iniciativa máis singular das que se desenvolven en Galicia para a expansión do mobilismo entre o campesiñado e que agroma a partir do impulso da Deputación Provincial de Lugo. Nesta experiencia desenvolve unha ampla gama de actividades como a ensinanza da apicultura mobilista en centros educativos, a instalación de apiarios e colmeas modernas na rexión, a realización de conferencias, a trasfega de colmeas fixistas a mobilistas ou a publicación de material formativo e divulgativo específico. O papel de Ledo encádrase nun contexto no que se sinala a necesidade de que as persoas ilustradas, de maneira destacada os relixiosos e os mestres de escola, sexan axentes clave no proceso de difusión da apicultura moderna16Villuendas Herrero, Apicultura movilista o cultivo de las abejas mediante un racional sistema, Sevilla, Biblioteca Agraria Solariana, 1909, páx. 119.. Neste senso, no proceso de modernización da apicultura a nivel estatal, ademais de Benigno Ledo, outras persoas ligadas ao ámbito da igrexa contan cun papel moi relevante. Certamente, a relación entre os párrocos e as abellas ven de lonxe, contando historicamente os centros relixiosos con colmeas para a produción propia dos produtos apícolas e, fundamentalmente, da cera de abella, un produto que tiña unha grande demanda por parte da igrexa17Copena, “La industria apícola…”..
Ata a actualidade a modernización apícola en Galicia ten sido moi pouco estudada. Certamente, en xeral o ámbito da apicultura na época contemporánea en España conta cunha reducida historiografía18Lemeunier, “La apicultura en Francia…”, páx. 17.. Entre os traballos existentes pódese destacar o estudio, entre 1750 e 1850, da xeografía da cera ou da transhumancia a nivel estatal19Lemeunier, “Geografía de la cera…”.. Tamén existen análises rexionais como o realizado especificamente para a industria apícola cereira en Galicia20Copena, “La industria apícola…”. ou o da apicultura tradicional en Murcia21Lemeunier, “La apicultura en Francia…”.. Porén, aínda non se ten analizado o proceso de cambio tecnolóxico producido en Galicia, nin a vinculación das iniciativas públicas ou privadas desenvolvidas para o seu fomento e difusión, así como tampouco o papel que exerceron as persoas máis relevantes no proceso. Deste modo, a pesares da importancia que ten historicamente este territorio para a actividade apícola e da singularidade de algunha das iniciativas realizadas para a divulgación del mobilismo, existe un notable baleiro sobre estas cuestións dentro da investigación científica. Polo tanto, o presente traballo ten como obxectivo principal contribuír a incrementar o coñecemento científico sobre o proceso de modernización da apicultura en Galicia a través da traxectoria do eclesiástico, natural de Chantada, Benigno Ledo González, a persoa máis destacada no proceso de transformación do sector e personalidade arredor da que se articula a presente investigación. Así, este estudo abarca unha cronoloxía que comeza coa entrada da primeira colmea mobilista no territorio galego en 1884, propiciada por Benigno Ledo, ata a súa morte en 1950, pouco despois da súa xubilación como profesor provincial de apicultura tras máis de dúas décadas de dedicación a este traballo.
A realización deste artigo requiriu do uso de diferentes fontes históricas. Por un lado, tense revisado a documentación existente no Arquivo Xeral da Deputación de Lugo, o que permitiu coñecer o expediente persoal de Benigno Ledo, así como a información dispoñible da iniciativa provincial, sendo destacadas as Memorias anuais que elaboraba o profesor Ledo para render contas das súas actividades perante a Deputación. Tamén se ten recompilado a información sobre o obxecto de estudo existente no Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, o que posibilitou incrementar a coñecemento sobre a iniciativa da Deputación, e no Boletín de la Granja Experimental de la Coruña, esencial para afondar nas primeiras iniciativas vinculadas co mobilismo en Galicia. Por outra parte, téñense analizado publicacións históricas, como o Manual de apicultura escrito expresamente para los apicultores gallegos de 1893 ou o Cursillo práctico de Apicultura asinado por Benigno Ledo, coa súa primeira edición de 1929 e posteriores. Estas informacións teñen sido complementadas mediante a análise da prensa histórica a través de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, así como de outros repositorios dixitais como a Hemeroteca Digital de la Biblioteca Nacional de España. Finalmente, completan as fontes primarias as estatísticas apícolas existentes no Anuario Estatístico de España para Galicia e a normativa específica vinculada coas iniciativas de fomento da apicultura mobilista impulsadas no territorio galego.
O texto está estruturado da seguinte maneira: iníciase cun apartado que caracteriza a entrada da apicultura mobilista e a orixe das tarefas de divulgación da nova modalidade apícola en Galicia. Posteriormente, abórdase o papel de Benigno Ledo como divulgador e inventor de colmeas e utensilios mobilistas (1899–1927). A continuación, preséntase a principal iniciativa na que participa o Cura das abellas na modernización apícola mediante a súa designación, por parte da Deputación de Lugo, como profesor de apicultura. Finalmente, o artigo remata presentando as principais conclusións obtidas durante a investigación.
A ENTRADA DO MOBILISMO EN GALICIA E O INICIO DAS ACTIVIDADES DE DIVULGACIÓN
⌅A apicultura no territorio galego era unha actividade vinculada principalmente co autoconsumo, da que se obtiña mel e cera, que sostiña unha importante industria rural22Copena, “La industria apícola…”.. Esta actividade económica, ao igual que acontecía noutras áreas do norte peninsular, contaba cunha estrutura produtiva moi diferente á do resto do Estado, no que a número de colmeas por propietario se refire, evidenciando a relevancia desta actividade económica na subsistencia familiar. De feito, uns poucos anos antes da chegada do mobilismo, o Anuario de Estadística de España indícanos, para o ano de 1867, a existencia na provincia de Lugo de 6,83 colmeas por propietario e na de A Coruña de 4,49 colmeas por apicultor; unhas cifras moi inferiores á media do Estado de 12,19.
Será, entón, a finais do século XIX cando, trala aparición e introdución de diversos avances científicos no mundo do agro e da gandaría, vaille a aparecer un competidor á apicultura fixista, que ata entón no tiña experimentado grandes mudanzas. Iniciarase unha transformación lenta e progresiva que en Galicia comezará na década de 1880 da man de Benigno Ledo González. Este relixioso, natural de Adra (Chantada, Lugo) e nacido o 20 de xullo de 186723Arquivo Xeral da Deputación de Lugo (en adiante, AXDL), Administración de recursos, Xestión de recursos humanos, Organización do persoal, Expedientes persoais, sinatura 3266-A, “Expediente persoal de Benigno Ledo”., fixo os seus estudos eclesiásticos nos seminarios de Ourense e Lugo, sendo ordenado presbítero o 17 de decembro de 1892 e nomeado cura párroco da parroquia de San Vicente de Argozón (Chantada) o 17 de febreiro de 189324Para máis detalles sobre a súa biografía ver: Vicente Devesa Jul, “Don Benigno Ledo, o cura das abellas”, Lvcensia, miscelanea de cultura e investigacion, 1 (1990), páxs. 161-163; e Vicente Devesa Jul, “Don Benigno Ledo (1867-1950), Patriarca da apicultura española”, O Cortizo, 7 (1991), 43-54.. Ledo converterase na figura clave da transformación apícola en Galicia desde a introdución da primeira colmea moderna neste territorio25Antonio Roma Fábrega, Apicultura, Hospitalet, Sintes, 1982; Devesa Jul, “Don Benigno Ledo....”, páx. 45. —feito que suporá o punto de inflexión a partir do cal comeza a cambiar paseniñamente o modelo apícola—. Neste senso, aínda que se lle atribúe a introdución da primeira colmea mobilista en España26Roma Fábrega, Apicultura...., o propio Benigno Ledo confirma que o inicio do mobilismo prodúcese en 1875 da man de Enrique Mercader Belloch, mentres que el mesmo sería quen o introduciría en Galicia no 188427Ledo,Cursillo práctico de apicultura…, 1946, páx. 24.. Esta primeira colmea moderna que chega desde Francia é do tipo Layens —creada polo afamado apicultor do mesmo apelido e autor de obras de referencia na apicultura mundial traducidas ao castelán co cambio de século28Georges Layens e Gaston Bonnier, Curso completo de apicultura (cultivo de las abejas), Barcelona, El Colmenero Español, 1900.—. Esta colmea horizontal será a principal referencia para adaptacións e para o seu uso polos apicultores con cadro móbil nas primeiras décadas da chegada desta modalidade en Galicia.
O seguinte gran fito nos inicios da apicultura moderna en Galicia ten lugar uns anos despois, en 1893, coa publicación do Manual de apicultura escrito expresamente para los agricultores gallegos de Ramón Pimentel Méndez. Esta é unha das primeiras publicacións especificamente mobilistas a nivel peninsular29As publicacións en forma de libro que inician este camiño son de finais da década de 1880, apenas uns anos antes da publicación de Pimentel (1893). De feito, un libro de referencia como La apicultura movilista en España de Francisco Andreu é do ano 1887. e a primeira adaptada especificamente a un área xeográfica menor que a estatal. O autor describe en trece capítulos os principais elementos da apicultura comezando, no primeiro capítulo titulado “Apicultura movilista”, a caracterizar a apicultura moderna e as súas vantaxes, indicando a importancia de procurar o desenvolvemento desta importante industria rural no territorio galego, para conseguir os resultados que se estaban acadando en comarcas de Suíza, Francia ou Italia30Pimentel Méndez, Manual de apicultura…, páx. 5.. Resulta interesante comprobar como xa nesta obra están incluídos os principais elementos vinculados coa apicultura intensiva —a alimentación artificial, a cera estampada, o control de abázcaros31Os abázcaros son os machos das abellas. ou a cría de raíñas—. Deste modo, Pimentel anticipa a desaparición das colmeas tradicionais de cortiza nas que as abellas quedaban abandonadas ata a colleita, posto que nesta nova apicultura é o apicultor, quen segundo os seus intereses, controla o traballo dos insectos. Ademais, este libro mostra como, no momento no que se escribe, a década de 1890, apenas hai apicultores galegos con colmeas mobilistas. E incluso indica que algúns dos que as utilizan empregaban as de tipo Cowan, un modelo do que tamén ofrece a información necesaria para que se poida construír32Pimentel Méndez, Manual de apicultura…, páx. 11., aínda que esta modalidade de colmea foi relegada debido a que presentaba dificultades pola súa reducida capacidade e os pequenos cadros cos que contaba33Villuendas Herrero, Apicultura movilista..., páx. 52..
Pouco despois desta publicación, xorde a primeira iniciativa de investigación e difusión práctica da apicultura mobilista coa inauguración da Granxa Agrícola–Experimental de A Coruña. Esta Granxa, promovida polo Estado, nace nun contexto favorable para o fomento das recentes innovacións agrarias34Jordi Cartañá, “Las estaciones agronómicas y las granjas experimentales como factor de innovación en la agricultura española contemporánea (1875-1920)”, Scripta Nova [revista electrónica], 69 (2000)., conseguindo a súa posta en marcha definitiva a finais so século XIX. A instalación experimental ten como un dos seus referentes iniciais a Muñiz Álvarez, director da institución desde 1897 ata 1904, que se converte nun apaixonado da industria rural apícola35Lourenzo Fernández Prieto, A Granxa Agrícola-Experimental da Coruña. 1888-1928, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1988, páx. 97., apostando claramente polo sistema mobilista. Deste modo, na Granxa instala un apiario con colmeas modernas recibidas desde Barcelona a partir do apiario modelo de Mercader–Belloch36“Noticias”, Boletín de la Granja Experimental de la Coruña, 12 (01-06-1900), páx. 14.. Preténdese con esta actuación fomentar a substitución progresiva no territorio galego das colmeas fixistas polas de cadros móbiles, emulando, por tanto, o que estaba acontecendo noutros países estranxeiros que no disponen ni del benigno clima de Galicia ni de su abundantísima y adecuada flora37“Apicultura”, Boletín de la Granja Experimental de la Coruña, 5 (01-11-1899), páx. 9.. Por outra parte, desde esta institución agraria se difunden as prácticas da apicultura moderna a través do seu Boletín de la Granja Experimental de la Coruña. Xa desde o seu primeiro exemplar en xullo de 1899, entre as súas páxinas pódese observar a existencia de anuncios publicitarios tanto de colmeas como de accesorios especificamente mobilistas. Concretamente, nos primeiros exemplares do Boletín hai anuncios do establecemento barcelonés de Mercader Belloch, indicando que fabrican colmeas e accesorios que se poden ver na Granxa38Boletín de la Granja Experimental de la Coruña, 1 (01-07-1899), páx. 15..
No Boletín tamén se publican algúns artigos para a divulgación da apicultura moderna que manifestan como esta industria rural pode resultar moi rendible, considerándoa base fundamental para o progreso do campesiñado a través do traballo familiar e cun escaso gasto asociado39Fernández Prieto, A Granxa Agrícola-Experimental…, páxs. 96-97.. De feito, na información difundida advírtese de que para levar a cabo esta actividade era preciso, en primeiro lugar, aceptar a eficiencia das novas técnicas e, despois, ademais de adquirir ditas colmeas mobilistas era necesario instruírse coa lectura de publicacións formativas como o propio Curso de apicultura de Layens. Anímase tamén ao público lector a consultar estes materiais e a coñecer as novas colmeas directamente nas instalacións da Granxa40“Apicultura”, Boletín de la Granja…, páx. 9.. Deste modo, desde o Boletín da Granxa anímase ferventemente a apostar pola apicultura moderna, xa que, en igualdade de condicións, estas colmeas mobilistas producen dez veces máis que as tradicionais fixistas de cortiza41“Producto de las colmenas movilistas”, Boletín de la Granja Experimental de la Coruña, 22 (01-04-1901), páxs. 3 e 4., tal e como amosan os rendementos (moi superiores) das colmeas usadas no apiario da Granxa en comparación coas usadas xeralmente en Galicia42Fernández Prieto, A Granxa Agrícola-Experimental…, páxs. 97..
En definitiva, todas estas iniciativas iniciais serán esenciais para que, con posteridade, puidesen frutificar experiencias de maior dimensión e impacto. No mesmo senso, estes antecedentes propiciaron que as inquedanzas mostradas por Benigno Ledo atopasen un caldo de cultivo favorable para a posta en marcha das súas diversas intervencións no ámbito da apicultura, que veremos con detalle no seguinte epígrafe.
BENIGNO LEDO COMO DIVULGADOR E INVENTOR DA APICULTURA MOBILISTA (1899-1927)
⌅Nos últimos anos do século XIX e principios do XX comezan a aparecer mencións á apicultura mobilista na prensa xeneralista galega, tal e como acontece con varios artigos do diario El Lucense43“La apicultura movilista”, El Lucense, 4336 (10-07-1899), páx. 1.entre os que tamén participa o eclesiástico Benigno Ledo con aportacións sobre coidados do apiario e aspectos xerais da apicultura44Por exemplo, Benigno Ledo, “Consejos a los apicultores”, El Lucense, 4738 (17-11-1900), páx. 1; Benigno Ledo, “Contra la picadura de la abeja”, El Lucense, 4781 (12-01-1901)., ou en Ilustración Gallega45Destacan: Benigno Ledo, “Pensamiento”, Ilustración Gallega, 45 (1914), páx. 3 ou Benigno Ledo, “Pensamiento”, Ilustración Gallega, 47 (1915), páxs. 9-10., onde Ledo foi presentado como uno de los primeros apicultores de Europa. Porén, non será ata finais da década de 1910 cando o seu nome apareza con frecuencia nas cabeceiras galegas, algo que continuará sendo habitual a partir desta data. Deste modo, Ledo comeza a colaborar en títulos de corte conservador como La Voz de la Verdad46Véxase: Benigno Ledo, “Conversación apícola”, La Voz de la Verdad, 2720 (05-06-1918), páx. 1., na que se convirte nun articulista asiduo; El Ideal Gallego, onde participa na sección da folla agropecuaria47Por exemplo: Benigno Ledo, “Instalación del colmenar”, El Ideal Gallego, 858 (25-11-1919), páx. 6., ou no periódico ourensá La Región48Por exemplo, Benigno Ledo, “De apicultura. Instalación del colmenar”, La Región, 2972 (04-01-1920), páx. 1.. Nestes textos aborda cuestións diversas como as indicacións para a instalación dun apiario ou sobre a importancia da flora melífera, introducindo a sección conversaciones apícolas onde relaciona a apicultura con cuestións cotiás. Tamén se constata a aparición ocasional de consultorios nos que resposta detalladamente ás dúbidas trasladadas por parte dos lectores49Benigno Ledo, “De apicultura, sección de consultas”, El Ideal Gallego, 1523 (19-03-1922), páx. 5; Benigno Ledo, “Consultas apícolas”, La Región, 3587 (12-03-1922), páx. 12; Benigno Ledo, “De apicultura, sección de consultas”, La Voz de la Verdad, 3862 (03-03-1922), páx. 1.. De feito, a súa sona esténdese ata o punto de que, como el mesmo indica, dada a multitude de consultas apícolas que lle chegan desde fóra de Galicia, non vai a contestar a máis cartas, concentrando as súas respostas nas cabeceiras de prensa nas que colabora. Ademais, tamén contribúe na prensa agraria da época como acontece con El Cultivador Moderno50Por exemplo, no exemplar de maio de 1921 (“Publicaciones”, Progreso, 2325 (06-08-1921), páx. 1). onde realiza aportacións divulgativas sobre as tarefas precisas para o coidado das abellas.
A aparición habitual en prensa —tanto como colaborador como por protagonista das actividades que realiza— ten como punto de inflexión a súa participación na VII Asemblea Agrícola Galega51A súa participación é destacada na publicación: Rof Codina, “La VII Asamblea Agrícola Gallega”, El Ideal Gallego, 782 (28-08-1919), páx. 3., a partir da cal a súa figura acada máis relevancia e comeza a ser coñecido con diferentes alcumes como “apóstol de la apicultura gallega”52Un Cura Rural, “El cura de Argozón, Apóstol de la apicultura gallega”, La Voz de la Verdad, 3092 (26-08-1919), páx. 1., “Abade das abellas”53“El concurso de ganados de Vigo, la exposición de industrias y otras notas”, El Pueblo Gallego, (12-04-1927), páx. 9. ou “o Cura das abellas”54Véxase o artigo de Correa-Calderón no que o autor indica que “Benigno Ledo, [es] conocido en Galicia con el honroso sobrenombre de ‘o Cura das Abellas’” (Correa-Calderón, “Los Trabajos y los Días: o Cura das Abellas”, El Pueblo Gallego, 1401 (17-08-1928), páx. 1)., sendo este último o alcume máis utilizado e polo que será lembrado ata os nosos días. Neste evento realiza unha conferencia sobre a apicultura mobilista na que traslada gran parte do seu ideario modernizador e imparte tamén unha clase práctica no apiario da Granxa Experimental55Véxase: “VII Asamblea Agrícola Gallega. La conferencia de apicultura del párroco de Argozón”, El Ideal Gallego, 774 (19-08-1919), páx. 1..
Na súa conferencia, transcrita en varios diarios, explica que:
Nuestros labradores [...] no tienen conocimiento apícola moderno o movilista, que pone en nuestras manos abundantes frutos. […]Si conociesen y practicasen el movilismo comprenderían las inmensas ventajas de este sistema sobre el antiguo. […] Las colmenas fijistas, en mayoría usadas en Galicia, rinden escaso por su incapacidad y difícil manejo. No sucede lo mismo con las movilistas […] nos remuneran el 70 o 80 por 100 sobre las fijistas, facilitando al apicultor ventajosas manipulaciones científicas56“VII Asamblea Agrícola Gallega. Conferencia de Apicultura por el párroco de Argozón, Don Benigno Ledo”. La Voz de la Verdad, 3096 (30-08-1919), páxs. 1-2..
O éxito da súa participación na Asemblea Agrícola é tan evidente que desde os propios medios de comunicación incítase ao sacerdote de Chantada, en pro do desenvolvemento rural de Galicia, a que se dedicase a dar conferencias aos sindicatos agrarios que así o solicitasen para ensinarlles prácticas de apicultura moderna57No artigo “Su meritísima labor”, La Voz de la Verdad, 3097 (01-09-1919), páx. 2., anticipándose (se cadra alentados por el mesmo) ao que acontecerá posteriormente no seu papel como profesor provincial de apicultura en Lugo. Esta reivindicación é coincidente coa visión do propio Benigno Ledo quen apostaba pola ensinanza ambulante (e práctica) nas aldeas, tal e como indica na súa participación no Primeiro Congreso de Economía de Galicia, que tivo lugar en Lugo no ano 1925:
Interesamos la enseñanza ambulante en los pueblos de nuestra región […] ¿Qué hacemos con llenar las planas de los periódicos y revistas con detallados artículos? Dar fiebre de apicultura a la Sociedad solamente. Nuestros labradores, apenas saben leer; no entienden varias veces lo que les explicamos, y así, sobre el terreno […] se les entera de […] todo cuanto tenga pueda interesarles para su provecho y para la economía regional58Benigno Ledo, “La apicultura en Galicia llegaría a ser un artículo de primer orden, cultivada por procedimientos modernos”, en Primer Congreso de Economía Gallega, Lugo, La Voz de la Verdad, 1925, páxs. 107-109.
Nese congreso Ledo solicita que se organicen cooperativas de produción, para mellorar a venta do mel, e tamén pide que se creen novas granxas apícolas en distintos puntos do territorio. Estas solicitudes son moi ben recibidas polo Congreso, o que fai que nas conclusións deste evento se acordase expresamente recomendar aos campesiños galegos que exercían a apicultura a que adoptasen o sistema mobilista en base ás indicacións expostas polo apicultor e relixioso de Chantada59Ramón del Cueto, Pablo Escobar e Pedro Basanta, “Otras Industrias, conclusiones”, en Primer Congreso de Economía Gallega, Lugo, La Voz de la Verdad, 1925, páx. 111..
Durante o período anterior ao comezo da iniciativa máis relevante de fomento do mobilismo en Galicia, que será analizada con detalle no seguinte apartado, constátase unha ampla actividade divulgadora mediante a realización de charlas e seminarios por parte de Ledo. Deste modo, participa en diversas actividades ao longo das catro provincias do territorio galego cun público moi diverso, desde os señores de Pedregal —que eran posuidores de colmeas modernas mobilistas— en Cambre en 1919, ao que foi convidado tralos ecos da VII Asemblea60“Enseñanza práctica de la apicultura”, La Voz de la Verdad, 3122 (30-09-1919), páx. 1.; ate as realizadas en Rábade61“Notas”, La Voz de la Verdad, 3416 (21-09-1920), páx. 2., que foron impartidas durante tres días no sindicato agrícola católico de Montederramo62“De Montederramo. Labor social y agro-pecuaria”, La Región, 3457 (23-08-1921), páxs. 1-2., as que tiveron lugar en Lugo no Concurso de Ganados e Exposición de Apicultura63“Las tradicionales fiestas”, La Voz de la Verdad, 4354 (07-10-1923), páxs. 1-2. ou as realizadas en Vigo e a súa contorna xeográfica64“Desde Vigo. El Cura de Argozón”, La Voz de la Verdad, 5941 (17-04-1927), páx. 1.. Outra das actividades realizadas durante este período —destacable por ser unha boa mostra do seu afán modernizador neste sector65“Semana Agrícola de La Coruña”, El Progreso Agrícola y Pecuario, 1498 (15-08-1927), páx. 13.—, é a conferencia realizada na Semana Agrícola en A Coruña de 1927, que tivo como título “Las colmenas movilistas y modelos prácticos que conviene propagar para el desarrollo de la apicultura en la región gallega”, coa que tamén causou un grande impacto66“Una conferencia del párroco de Argozón”, La Voz de la Verdad, 6057 (11-09-1927), páx. 3.. Porén, e a pesar de que case toda a súa actividade como conferenciante circunscríbese ao ámbito galego, é necesario subliñar que a súa fama foi alén destas fronteiras sumando diversas conferencias en Madrid, como a pronunciada no Concurso Nacional de Ganados de 1922 sobre o mobilismo67“El párroco de Argozón. Conferencia sobre apicultura”, La Voz de la Verdad, 3932 (25-05-1922), páx. 2. ou a realizada no Centro de Galicia en 1926 —titulada: “La agricultura fomentadora de la apicultura, y ésta auxiliadora, baluarte de aquella”— na que explica as diferencias entre os dous sistemas apícolas68“Varias conferencias”, El Sol, 2744 (22-05-1926), páx. 2..
Ledo non apostaba só pola divulgación e a difusión da apicultura moderna, senón que tamén exercía de apicultor en activo. Así, tiña apiarios con colmeas en Chantada e traballaba habitualmente con elas. De feito, é sinalado como unha das poucas persoas do territorio español que podían vivir exclusivamente da apicultura nas primeiras décadas do século XX, o que da unha idea do seu nivel de profesionalidade neste ámbito69Narciso José Liñán y Heredia, “Apicultura, ¿se puede vivir de esta industria?”, Producción, revista de agricultura, industria, ganadería, ingeniería y política económica, 83 (1923), páxs. 5-7.. Neste senso, os máis de 3.250 kg de mel extraídos nos seus apiarios no ano 1930 así o corroboran70Tal e como consta na Memoria resumen de actividades do ano 1930 (AXDL, Prestación de servizos, Promoción económica e fomento do emprego, Agricultura, gandería e montes, sinatura 3278, “Expedientes de apicultura”).. O seu coñecemento acerca das colmeas, das abellas e da actividade apícola, tanto da modalidade fixista como da mobilista, era unha condición necesaria para abordar unha vertente adicional de gran importancia na traxectoria de Ledo: a vinculada coa innovación tecnolóxica nas colmeas e nos utensilios usados en dita actividade. Deste modo, na aposta pola modernización apícola, Benigno Ledo chegou, incluso, a inventar novos modelos de colmeas mobilistas e utensilios apícolas. En concreto, concibe tres colmeas: a Avión Ledo-Argozón, a Vivero Ledo-Argozón e a Ledo-Argozón. Neste senso, unha revisión das patentes existentes no Rexistro da Propiedade Industrial e Comercial do Ministerio de traballo, Comercio e Industria71Dispoñible no Fondo Histórico da Oficina Española de Patentes e Marcas. permite coñecer a existencia dunha colmea, denominada Ledo-Argozón, patentada por el en 192472Información que se pode consultar no expediente 89.913 do Rexistro da Propiedade Industrial e Comercial do Ministerio de Traballo, Comercio e Industria. e que parte do deseño da colmea Layens e dos seus cadros —está formada por tres partes, unha central con seis cadros que actúa como cámara de cría (onde está a abella raíña) e dúas partes laterais idénticas, dedicadas á obtención e recolección de mel—. Ledo, na memoria presentada para a obtención da patente, argumenta que esta nova colmea dispón de grandes vantaxes posto que posibilita que os abázcaros non accedesen ás partes de recolección de mel, permitindo a retirada das partes laterais en inverno, reducindo o tamaño da colmea en épocas de escaseza e, finalmente, favorecendo a retirada da mel sen o uso do afumador, xa que
separamos un poco los cuerpos laterales […] y al encontrarse las abejas sin olor de la madre […] saldrán por la piquera lateral y regresarán a la entrada principal a unirse con sus hermanas, y al atardecer hallaremos los dos repetidos cuerpos laterales sin docenas de abejas73Memoria descritiva que se deposita en apoio da solicitude de patente de invención por vinte anos, a favor de Don Benigno Ledo, residente en Argozón (Chantada), Lugo, por: “Una nueva colmena, Grupo primero, clase tercera del Nomenclator oficial” (Expediente 89.913, Rexistro da Propiedade Industrial e Comercial do Ministerio de Traballo, Comercio e Industria)..
De feito, nunha mostra máis do seu interese por unir práctica e divulgación, Ledo explica no seu Cursillo práctico de Apicultura as proporcións dos seus modelos de colmeas mobilistas para todos aqueles interesados que quixesen construir unha74Ledo critica no seu libro en numerosas ocasións aos carpinteiros por facer colmeas en pésimas condicións ou por descoñecer as medidas correctas (Ledo,Cursillo práctico de apicultura…, 1946, páxs. 246 e 258).. Así, mostra con gran nivel de detalle as partes, medidas e imaxes da citada colmea Ledo-Argozón na primeira edición75Benigno Ledo, Cursillo práctico de apicultura adaptado a la región gallega, Lugo, Imprenta Provincial, 1929.. O mesmo fai co deseño das outras dúas colmeas en edicións posteriores76Ledo,Cursillo práctico de apicultura…, 1946.. Deste modo, presenta a colmea Vivero Ledo-Argozón, creada a principios de século77Antonio Roma Fábrega, “Colmenas de nuevo tipo”, Ganadería manchega, 2 (1956), páxs. 125-130., destinada á cría de raíñas usadas na apicultura mobilista para a reposición en aquelas colmeas orfas ou para a substitución das abellas raíñas vellas, ao ter estas pouca posta de ovos, dentro da visión produtivista do sistema mobilista. Finalmente, tamén describe e aporta as medidas da colmea Avión Ledo-Argozón, proxectada para unha aplicación en apicultura intensiva78Roma Fábrega, “Colmenas…”, páx. 126., que consta dun corpo central, con seis cadros completos do sistema layens destinados á cámara de cría e ás provisións para o mantemento da colmea, e de corpos laterais destinados á extracción de mel.
Mais Benigno Ledo non só desenvolve a súa inventiva en canto ao deseño de colmeas se refire, senón que tamén procederá a realizar modificacións noutros utensilios apícolas que se comercializarán no ámbito galego79No ano 1923 xa se publicita nun establecemento de Chantada a venda de colmeas mobilistas de varios sistemas con modificaciones por el cura de las abejas ou de coitelo desoperculador invento del cura de Argozón (“La apicultura gallega”, La Región, 3889 (29-03-1923), páx. 5.. Neste senso, destacan o coitelo-lanza Ledo-Argozón que se usa no apiario en múltiples aplicacións como a eliminación da cría de abázcaros80Ledo,Cursillo práctico de apicultura…, 1946, páx. 54. ou o cerificador candente Ledo-Argozón destinado á obtención da cera de abella depurada. Ambos son interesantes exemplos de innovacións en utensilios habituais para os apicultores. Outro invento curioso, boa mostra da visión da apicultura intensiva, é o caza machos Ledo-Argozón, usado para a eliminación dos panzudos holgazanes81Ledo,Cursillo práctico de apicultura…, 1946, páx. 54., é dicir, os abázcaros, considerados na época como elementos non produtivos e consumidores de recursos, polo que non resultaban interesantes na colmea82José Cruz Lapazarán, “Apicultura”, Hojas divulgadoras del Ministerio de Fomento, Ano VII, 22 (1913), páxs. 1-5..
Froito de todo este traballo, a fama de Ledo tamén se estendeu como apicultor, obtendo diversos recoñecementos en concursos a nivel rexional e estatal polos seus méritos no ámbito da apicultura: Medalla de ouro na sección de apicultura no Concurso Nacional de Ganados, Maquinaria agrícola e Industrias derivadas de 1922 polo modelo de colmea mobilista Ledo-Argozón83Iglesias, “La labor del párroco de Argozón en Madrid”, La Voz de la Verdad, 3937 (31-05-1922), páx. 2.; a cal tamén conseguiu o premio á colmea máis perfecta, cunha asignación de 500 pesetas no Concurso de Apicultura celebrado en Lugo no ano seguinte84For, “La nueva colmena Ledo-Argozón”, El Ideal Gallego, 1916 (21-10-1923), páx. 3. e a Medalla de bronce no V Concurso Nacional de Ganados de 192685Asociación General de Ganaderos, Memoria del V concurso nacional de ganados, Madrid, Asociación General de Ganaderos, 1927.. Ademais, nese mesmo evento obterá un diploma de honra por outra das súas creacións: o cerificador candente86“Del Concurso Nacional de Ganados”, El Pueblo Gallego, 721 (27-05-1926), páx. 3.. Un ano despois, en 1927, no Concurso de Ganados de Vigo obtén o primeiro premio na sección de apicultura87“El Concurso de Ganados de Vigo”, El Pueblo Gallego, 994 (12-04-1927), páx. 9.. E, finalmente, no Tercer Concurso Regional de Ganados, celebrado en Lugo os días 23 ao 25 de xuño de 1929, obtivo o primeiro premio para modelos de colmeas, cunha contía de 75 pesetas88“Tercer Concurso Regional de Ganados”, La Voz de la Verdad, 6613 (28-06-1929), páx. 1..
BENIGNO LEDO COMO PROFESOR DE APICULTURA A TRAVÉS DA INICIATIVA DA DEPUTACIÓN DE LUGO
⌅Dentro das actuacións nas que participa Ledo para modernizar a apicultura galega, sen lugar a dúbida, a máis relevante é na que participa a partir do impulso da Deputación de Lugo. Esta iniciativa agroma nun contexto propicio. Certamente, na década de 1920 varias deputacións provinciais, sobre todo no norte do Estado, desenvolven propostas vinculadas co fomento das prácticas mobilistas apícolas. As tres máis destacadas son as lideradas por parte das deputacións provinciais de Navarra, Oviedo e Lugo. Nestas experiencias existen elementos comúns, xa que están encabezadas por eclesiásticos que apostan pola formación na apicultura moderna, tanto en centros educativos como mediante a ensinanza ambulante. No caso da Deputación de Oviedo é o sacerdote Carlos Flórez89Este relixioso, ao igual que Ledo, tamén crea unha colmea propia adaptada da Layens cunha importante implantación no territorio de Asturias (Carlos Flórez, Nociones de apicultura, Oviedo, Diputación Provincial de Oviedo, 1960, páx. 19). o que se encarga de fomentar a apicultura moderna en Asturias impartindo leccións en centros de ensino90“Diputación provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Oviedo, 163 (22-06-1925), páx. 4. desde o ano 1925 ata o 1933, converténdose nunha referencia para o caso lucense ao ser un antecedente próximo xeograficamente e nacer apenas dous anos antes da iniciativa lucense. Pola súa parte, a experiencia navarra permite a creación en 1928 dunha escola de apicultura, que ten como protagonistas ao párroco León Lacasia e ao técnico Daniel Nagore, que organizan diferentes cursos formativos91León Lacasia y Aspurz, Guía del apicultor, Pamplona, Imprenta diocesana, 1945.. Por outra banda, á hora de desenvolver esta clase de actuacións tamén é preciso indicar que nese intre existía un contexto normativo aparentemente favorable no que desde as administracións se comeza a apostar pola mellora e a propaganda apícola, dispoñéndose, por exemplo, a instalación en tódolos establecementos agrícolas oficiais dunha sección de apicultura92Real Orden de 18 de xaneiro de 1927, Gaceta de Madrid, (25-01-1927)..
A situación era positiva para por en marcha unha experiencia de fomento e modernización apícola en Galicia, pero era necesario que esta fose encabezada por unha persoa idónea para poder exercer esta tarefa. O candidato ideal era claramente Benigno Ledo, xa que contaba cunha dilatada experiencia, unha fama como apicultor adquirida ao longo dos anos e un pensamento que apostaba por esta clase de ensinanza, tanto no ámbito práctico como teórico. Certamente, para que unha iniciativa ambiciosa como a que se pretendía puidese ter éxito, era necesario contar con persoas experimentadas, tal e como se defendía a principios de século no Congreso internacional de Apicultura93Basilia Hernando Aylagas e Isidoro Hernando Aylagas, “La apicultura: Industria lucrativa al alcance de las personas tímidas y de los modestos capitales”, Hojas divulgadoras del Ministerio de Fomento, 17 (1923), páxs. 1-4.. Neste mesmo senso, considerábase relevante, por parte de agrónomos e ilustrados, incluír nestes procesos a persoas relevantes vinculadas co mundo do clero, xa que poderían ter un papel importante na difusión das técnicas agrícolas94López Álvarez, Las abejas, la miel y la cera…..
A experiencia desenvolvida pola Deputación de Lugo e polo eclesiástico iníciase formalmente no ano 192795O acordo da Deputación Provincial é de 15 de decembro de 1926, sendo a toma de posesión o 1 de xaneiro de 1927. establecendo que Benigno Ledo fose o profesor de apicultura da institución provincial. Esta confíalle a organización das prácticas de ensinanza e propagación dos métodos modernos de apicultura na provincia96“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 93 (23-04-1927), páx. 4. para o que será preciso que o bispado previamente lle concedese o permiso para desenvolver esas tarefas. Trala súa designación, na sesión da comisión provincial do 15 de febreiro de 1927, acórdanse as liñas mestras das actividades que o profesor Ledo levaría a cabo ao longo dos máis de 20 anos no seu posto como profesor provincial. En concreto, a Deputación decide establecer varias tarefas prioritarias. En primeiro lugar, autorízalle para que organice os servizos de fomento da apicultura mobilista, dándolle autonomía para concretar as datas máis axeitadas para realizar a súa labor e levar a cabo as conferencias ambulantes. En segundo lugar, encoméndalle establecer na cidade de Lugo, naqueles lugares que considere máis apropiados, as colmeas mobilistas de cada sistema para poder ofrecer sobre o terreo as explicacións oportunas ao alumnado dos centros docentes; Tamén se lle require o establecemento dalgúns apiarios en diversos puntos melíferos da provincia; Finalmente, solicitáselle a redacción dunha publicación apícola que contribúa á difusión desta importante industria, debendo dar conta dos traballos que realice a medida que os vaia executando así como os resultados que obteña. Para poder desenvolver con éxito as tarefas previstas a Deputación estableceu unha asignación anual para o profesor Ledo de 2400 pesetas que foi incrementada a 3500 en 1928 e a 4500 en decembro de 1930.
As Memorias anuais presentadas polo profesor Benigno Ledo coas que rendía contas ante a Deputación —conservadas no Arquivo Xeral da Deputación de Lugo— permiten coñecer con detalle as actividades realizadas para o fomento das prácticas mobilistas. Neste senso, a iniciativa da Deputación, que nace coa pretensión de desenvolver o ensino e a propagación dos métodos modernos de apicultura, permitía exercer as súas actividades divulgadoras da apicultura mobilista desde varias vertentes. A táboa 1 permítenos ter unha visión xeral da magnitude e relevancia da iniciativa97É necesario ter en conta que nalgunhas das Memorias falta información sobre varios dos aspectos realizados e que tampouco constan as dos dous últimos anos como profesor provincial de apicultura.. Ledo realiza durante estes anos un amplo e importante conxunto de actividades formativas e divulgativas a nivel provincial cun gran impulso inicial que en palabras de Ledo conseguirá que
no quede aldea, ni rincón de nuestras maravillosas montañas, sin un colmenar moderno, originando una riqueza que en muchos hogares de paisanos gallegos se repartirá, cual beneficioso rocío y hará más llevadera la dura vida de aquellos laboriosos caseros, y llegará a evitar ese éxodo peligroso para nuestra economía rural98Benigno Ledo, “Labor apícola provincial”, en José Cao Moure (ed.), Lugo y su provincia (libro de oro), 1929, Vigo, Edit. P.P.K.O., 1929, páx. 53.
Sirva como referencia do nivel de actuacións realizadas o dato de 1935 cando, ademais da docencia nos centros de ensino de Lugo e da ensinanza ambulante, realiza un total de 108 visitas a apiarios da provincia nos que se forma a apicultores en diferentes labores —divisións de colmeas, cambio de raíñas, extracción de mel, instalación de novos apiarios ou arranxos nas colmeas—. Estas actividades experimentaron una maior intensidade nos primeiros anos da experiencia, véndose afectadas a partir de 1936 tanto pola Guerra Civil como por algúns problemas de saúde99En La Voz de la Verdad, de 16 de maio de 1935, sinálase que o profesor de apicultura da Deputación se encuentra muy mejorado en la enfermedad que desde hace algunos días le aqueja. —tal e como se constata nas propias Memorias anuais—100Na Memoria do período 1935-1936 Ledo sinala que non puideron realizar máis conferencias debido ao seu estado e ás actuales circunstancias, en referencia á Guerra Civil.. Nos anos posteriores as actuacións perderon intensidade, xa cun Ledo en avanzada idade.
Táboa 1: Resumo das actividades de divulgación mobilista a partir de docencia en centros de ensino e da realización de conferencias ambulantes (1927–1945)
| Docencia en centros de Lugo (alumnado) | Realización de conferencias de ensinanza ambulante |
---|
Ano | Seminario conciliar | Instituto | Escola Normal |
---|
1927-1928 | 20 | 15 | 15 | Tres municipios durante tres días consecutivos e en varios sindicatos |
1928-1929 | 26 | 11 | 18 | Sete municipios durante tres días consecutivos e en varios sindicatos |
1929-1930 | 34 | 12 | 15 | Sete municipios durante tres días consecutivos con asistencia de profesorado e alumnos |
1930-1931 | 29 | 9 | 15 | Un municipio durante tres días consecutivos con asistencia de profesorado e alumnos |
1931-1932 | 21 | 8 | 15 | Cinco municipios durante tres días consecutivos con asistencia de profesorado e alumnos |
1932-1933 | 11 | 8 | 13 | Seis municipios durante tres días consecutivos |
1933-1934 | 15 | 6 | 6 | Dous municipios durante tres días consecutivos |
1934-1935 | 17 | 4 | 8 | Catro municipios durante tres días consecutivos |
1935-1936 | 27 | 4 | 6 | Un municipio |
1936-1937 | 12 | 13 | 12 | Non tiveron lugar |
1937-1938 | 5 | 13 | non consta | Oito municipios de dous días consecutivos |
1938-1939 | 5 | 8 | non consta | Cinco municipios de dous ou tres días consecutivos |
1939-1940 | 10 | 13 | non consta | Cinco municipios de dous ou tres días consecutivos |
1940-1941 | non consta | 9 | 7 | Cinco municipios |
1941-1942 | non consta | 9 | non consta | Dous municipios |
1942-1943 | non consta | 9 | non consta | non consta |
1943-1944 | non consta | non consta | non consta | non consta |
1944-1945 | 22 | 9 | 4 | non consta |
TOTAL | 254 | 152 | 134 | |
O inicio de esta experiencia supón a posta en marcha das diversas tarefas encomendadas pola Deputación. Neste senso, un dos primeiros pasos a dar consistía en comezar a ensinanza apícola nos centros educativos. Para elo, inicia a docencia de clases teóricas e prácticas en tres centros de ensino da cidade de Lugo, concretamente no Seminario Conciliar, o Instituto Nacional de segunda ensinanza e a Escola Normal de mestras. A instrución realizábase a partir dun temario que co paso dos anos foi adquirindo maior complexidade, aumentando dos vinte e un temas iniciais, en 1927, ata acadar un total de trinta e un en 1934, abarcando tódolos aspectos da actividade apícola. Estas clases complementábanse coa realización de prácticas nos apiarios do Seminario e da Deputación, instalados a partir desta iniciativa, e nos apiarios doutros apicultores da contorna. O curso concluía cun exame final que era necesario aprobar para poder superar a materia, no que se preguntaba sobre os temas impartidos durante os meses de docencia. Deste modo, desde o inicio das actividades docentes en 1927 ata o ano 1945 impártese formación apícola nos centros de Lugo indicados, como mínimo a 540 alumnos segundo a información dispoñible nas Memorias, con importante presenza feminina, aínda que esta cifra é incrementada ata un total de 590 alumnos por Vázquez Seijas101Manuel Vázquez Seijas, “Epílogo: resultados prácticos de las enseñanzas apícolas en Ledo González”, Cursillo práctico de apicultura adaptado a la región gallega, Lugo, Imprenta Provincial, 1946, páxs. 307-309.. Certamente, a realización de docencia apícola en centros de ensino é un dos principais logros desta experiencia ao conseguir formar a profesorado que no futuro desenvolverá prácticas de apicultura moderna, como ocorrerá cos cotos escolares apícolas, sendo un exemplo o de Budián en O Valadouro102Joaquín. G. Ojeda, “Magisterio”, El Progreso, 11.267 (20-02-1944), páx. 3.. Os alumnos e discípulos, homes e mulleres, do profesor Ledo se converterán en ferventes difusores do mobilismo, facilitando nas décadas posteriores o proceso de modernización da apicultura lucense e galega103Na prensa aparecen artigos asinados por apicultores que se presentan como exalumnos ou discípulos do profesor de apicultura. Por exemplo, destacan: Daniel Pérez Lage, “De apicultura. La importancia de las abejas en la fecundación de las plantas”, La Voz de la Verdad, 7741 (26-03-1933), páx. 8; ou Amador González Puelles, “De apicultura desde Vigo”, La Voz de la Verdad, 6418 (09-11-1928), páx. 1. Incluso hai en prensa unha poesía adicada á súa persoa: A. Gómez Ledo, “Polípteco en sonetos. O Abade de Argozón”, publicada en La Voz de la Verdad, 6297 (21-06-1928), páx. 1.. De feito, o propio Ledo anímaos a realizar esta tarefa nun artigo de prensa dedicado aos seus alumnos:
enseñad, difundid la apicultura, la agricultura en general, que es causa noble: porque es la causa de la vida social, del sustento de la Humanidad; ya seremos premiados; las futuras generaciones encargarse han de perpetuar nuestra labor104Benigno Ledo, “Re-Apícola”, La Voz de la Verdad, 6198 (24-02-1928), páx. 4..
Outro dos elementos encomendados pola Deputación consistía no establecemento de algúns apiarios en diversos puntos melíferos de la provincia. Neste senso, apenas un ano despois do inicio da experiencia, a entidade provincial decide iniciar o proceso para a consecución deste obxectivo, que tamén estaba en consonancia coas súas achegas defendidas no Congreso de Economía de Galicia de 1925105Ledo, “La apicultura en Galicia…”, páx. 109.. Para elo desde a Deputación provincial solicítase a oferta de terreos para o establecemento de colmeas modernas en apiarios particulares, comunais ou municipais106Este proceso detállase en: “Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 53 (03-03-1928), páx. 1., establecendo o período dun mes para que as persoas e entidades interesadas ofrezesen os terreos onde destinar os apiarios, sendo exixida unha superficie mínima de 200 m2. Ofréceselles a estes apiarios unha serie de vantaxes significativas: obterían as colmeas a prezo de custes por mediación da Deputación e poderían contar co profesor Ledo para a dirección dos traballos de explotación. Finalizado o prazo establecido no Boletín Oficial de la Provincia, Benigno Ledo emite dous informes sobre as propostas presentadas, establecendo que os terreos que reunían as mellores condicións para a tarefa encomendada eran os ofrecidos por José Andrade de la Vega no concello de O Corgo e os seis terreos propostos polo concello de O Incio107“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 198 (30-08-1928), páx. 3.. Deste modo, esta acción finaliza coa instalación de varias colmeas mobilistas nos terreos sinalados co apoio do profesor de apicultura e coas condicións beneficiosas establecidas na convocatoria.
Noutro orde de cousas, tampouco podemos obviar que a ensinanza apícola mediante clases ambulantes era unha das tarefas máis significadas da iniciativa provincial. Esta desenvolveuse mediante conferencias nos concellos da provincia e en sindicatos agrarios. As actividades adoitaban ter unha duración de tres días consecutivos con actividades formativas en cada un deles, contando habitualmente con grande asistencia e incluso, en moitas ocasións, coa presencia de alumnado e profesorado de centros escolares da localidade108Por exemplo, na Memoria presentada ante a Deputación que comprende o período que abarca desde novembro de 1930 ata novembro de 1931.. Non obstante, é necesario sinalar que a realización destas actividades ambulantes vense reducidas nalgúns anos, sendo substituídas polas visitas que Benigno Ledo realiza directamente aos apicultores, tal e como el mesmo indica nas Memorias anuais109Na Memoria del 1930-31 sinálase que: No se pudieron cursar este año tales clases a más ayuntamientos por la excesiva labor de los trasiegos, que se vino encima debido al extraordinario desarrollo que la apicultura toma en la provincia, algo similar ao indicado na Memoria de 1932-33, na que se xustifica esta cuestión por: la excesiva labor que sobrevino de instalaciones y otras labores de urgencia, con motivo de la ambrosía de la primavera..
Ademais, esta clase de actuacións de ensinanza ambulante do mobilismo durante a súa etapa de profesor de apicultura da Deputación non se circunscriben soamente ao ámbito xeográfico da provincia de Lugo. Así, contando co permiso da entidade, participa na Exposición de Avicultura, Apicultura e Cunicultura establecida na Granxa Agrícola Experimental de Coruña110“En la Granja Agrícola. Se inaugura la exposición”, El Ideal Gallego, 3760 (16-08-1930), páx. 1., no Concurso de Ganados de Vigo, con conferencias nas sociedades agrarias da cidade olívica e na de Lavadores111“Federaciones agrarias de Vigo y Lavadores. Concurso de Ganados”, El Pueblo Gallego, 1464 (30-10-1928), páx. 2., e tamén realiza charlas en municipios, como as impartidas en 1932 durante varios días en Baiona112“Ejemplos. Cursillo de apicultura en Bayona”, Vanguardia Gallega, 296 (22-09-1932), páx. 4..
Por outra parte, e de forma adicional ás cuestións xa sinaladas, o profesor de apicultura da Deputación tamén propiciaba a instalación de apiarios e colmeas mobilistas, así como a realización de visitas formativas a apicultores para explicar in situ aspectos da apicultura moderna. A cifra de colmeas instaladas nas que Ledo participa ascende a 2480113Vázquez Seijas, “Epílogo…”, páx. 308., aínda que o profesor tiña sinalado en varias das súas Memorias anuais que o número de colmeas instalado por particulares e discípulos era superior ao contabilizado, xa que estes implantaban colmeas a partir das proporcións e indicacións ofrecidas nas súas visitas e nas publicacións divulgativas. Dentro destas actividades prácticas, o profesor de apicultura tamén debía de apoiar aos apicultores na extracción de mel co fin de comprobar as mellores localizacións e producións na provincia. Neste senso, por exemplo, no ano 1930, coa súa participación, colleitáronse 10.122 quilogramos de mel114Memoria que comprende desde novembro de 1929 ata novembro de 1930.. Por último, dentro das actividades prácticas, cabe sinalar que tamén entre as súas actuacións atópase axudar na realización de trasfegas de colmeas fixistas a mobilistas115O trasfego consiste en conseguir que o enxame que está habitando no interior dunha colmea fixista se introduza nunha mobilista, tal e como explica con detalle no seu Cursillo práctico (Benigno Ledo,Cursillo práctico de apicultura…, 1946, páx. 113-118)., cun total de 1300 realizadas116Vázquez Seijas, “Epílogo…”, páx. 308..
Este conxunto de actividades docentes e prácticas compleméntase coa creación de materiais formativos e divulgativos específicos vinculados co mobilismo. Neste senso, destaca a redacción do libro, impreso no ano 1929, que ten como título “Cursillo práctico de apicultura adaptado a la región gallega” co subtítulo “para uso de los alumnos que se dedican a esta materia y al alcance de toda clase de personas”. Esta publicación converterase desde entón en referente da apicultura de Galicia con varias reedicións posteriores. O Cursillo, inicialmente con pouco máis de 200 páxinas, é unha obra completa con información sobre os aspectos básicos da apicultura, centrado no mobilismo e contando con elementos singulares e innovadores como unha relación de flora melífera galega. A primeira edición, tras acordo da Comisión provincial en sesión de 15 de febreiro de 1927117“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 282 (10-12-1928), páx. 6., foi publicada con cargo a fondos provinciais cunha tirada de 1000 exemplares118“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 6 (08-01-1929), páx. 4. Pola contra, na publicación sinálase que a tirada é de 900 exemplares., fixándose un prezo de venda de catro pesetas119“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 51 (03-03-1930), páx. 3.. 450 exemplares son remitidos a Benigno Ledo para que se distribúan entre deputados, concellos da provincia e escolas e entidades nas que sexa convinte difundir o ensino da apicultura120“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 112 (15-05-1930), páx. 4.. Poucos anos despois, en 1935, tras esgotarse a primeira edición, decídese realizar unha segunda con 2000 exemplares e 280 páxinas121“Comisión Provincial”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 289 (13-12-1935), páx. 4.. Entréganselle 1000 unidades ao profesor de apicultura e resérvase o resto para que a Deputación os distribúa gratuitamente122“Comisión Gestora de la Diputación”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 264 (23-11-1938), páx. 4.. A terceira edición, cunha tirada superior, xa de 3.000 exemplares, ve a luz no ano 1946. Benigno Ledo cede os dereitos desta publicación á Deputación que pon un prezo inicial de venta de 20 pesetas 123“Comisión Gestora de la Diputación”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 183 (16-08-1947),páx. 4., que se amplía posteriormente a 30124“Comisión Gestora de la Diputación”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 78 (07-04-1948), páx. 4..
O desenvolvemento destas iniciativas impulsadas pola Deputación de Lugo e polo profesor Benigno Ledo permite impulsar un lento proceso de cambio tecnolóxico que nesta provincia estaba en fase inicial, cuestión pola que obtén recoñecementos a nivel estatal125Como ocorre no artigo “Enseñanza Ambulante de Apicultura”, Heraldo de Madrid, 12.952 (04-08-1927), páx. 7. O en Liñán y Heredia, “Apicultura, ¿se puede...”. Certamente, aínda que a iniciativa da Deputación ten lugar nun contexto apícola complicado, debido á estrutura produtiva onde predominaban as pequenas explotacións, con gran dispersión dos apiarios e onde primaba o autoconsumo familiar, o traballo desenvolvido polo profesor de apicultura favorece o avance do mobilismo en Lugo. Para ter una idea da magnitude e da importancia do seu papel hai que considerar o dato acerca da existencia de aproximadamente 3000 colmeas mobilistas censadas na provincia en 1934 que nos da o Anuario de Estadística de España126Instituto Nacional de Estadística, Anuario de Estadística de España, Madrid, Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, 1934.. O número total para o conxunto de Galicia nese ano é de 3985, o que implica que en torno ao 75% das colmeas modernas en funcionamento no territorio galego localizábanse nas áreas xeográficas lucenses127Rof Codina atribúe este diferencial á obra do profesor de apicultura: Juan Rof Codina, “Enseñanzas de la estadística ganadera”, El Pueblo Gallego, 3155 (12-05-1934), páx. 14.. Esta información danos unha visión certeira da importancia do papel da escola provincial e, en especial, do impulso dado por Benigno Ledo ao mobilismo en Lugo nos primeiros anos da experiencia. Este proceso continúa coas tarefas do profesor de apicultura e a cifra de colmeas mobilistas vanse incrementando para a provincia lucense, alcanzando máis de 4.200 no ano 1943. Esta cantidade de colmeas mobilistas implica que Lugo se situase na sexta posición en 1934 posición provincial a nivel estatal en relación co número de colmeas modernas e na novena no ano de 1943.
Tras máis de vinte anos de dedicación como profesor provincial de apicultura, prodúcese a xubilación de Benigno Ledo decretada por acordo de 12 de febreiro de 1948 e efectiva desde o 1 de marzo, pola que recibe en concepto de pensións 4583,34 pesetas con motivo da finalización da súa actividade laboral128“Comisión Gestora de la Diputación”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 96 (29-04-1948), páx. 3.. Apenas dous anos despois, o 14 de decembro de 1950, aos 83 anos, prodúcese o seu falecemento129AXDL, Administración de recursos..., 3266-A, “Expediente persoal de Benigno Ledo”.. Ante a súa perda teñen lugar diversos recoñecementos póstumos. Neste senso, a Deputación de Lugo acorda mostrar a súa tristura pola morte de Ledo e decide, para perpetuar a labor realizada por el durante vinte anos como profesor provincial de apicultura, a colocación dunha lápida conmemorativa na Granxa Gayoso Castro, xestionada pola Deputación provincial en Castro de Rei130“Comisión Gestora de la Diputación”, Boletín Oficial de la Provincia de Lugo, 69 (27-03-1951), páx. 3.. No mesmo senso, o grupo nacional de apicultura, dependente do sindicato nacional de agricultura , concedeulle a distinción de La Abeja de Oro131“Homenaje póstumo a D. Benigno Ledo González”, El Progreso, 15.675 (24-12-1957), páx. 3..
CONCLUSIÓNS
⌅Tal e como queda reflexado neste traballo, Benigno Ledo, o Cura das abellas ten sido a figura clave na introdución e na difusión das prácticas mobilistas no territorio galego. Desde a década de 1880, coa introdución da primeira colmea mobilista en Chantada, este relixioso ten sido protagonista, a través dunha longa e diversa serie de iniciativas, do impulso para a transformación do modelo apícola e a divulgación e expansión das técnicas modernas vinculadas coas colmeas de cadros móbiles. Certamente, Benigno Ledo consideraba necesario cambiar o modelo fixista predominante en Galicia, polo mobilista, sistema alternativo que agroma desde mediados do século XIX a partir dunha serie de descubrimentos científicos que permiten unha maior interacción dos apicultores nas colmeas e un incremento da intensificación e das producións obtidas.
Entre as súas primeiras aportacións para afondar na modernización apícola destaca, en especial, a súa faceta divulgadora mediante a realización de conferencias e charlas por todo o territorio galego, así como a súa participación como colaborador habitual en diferentes cabeceiras de prensa. Non obstante, tampouco se pode obviar a súa vertente inventora, pola que recibirá un merecido recoñecemento coa obtención de diversos premios de ámbito galego e estatal. Ledo produce innovacións no sector apícola a partir da creación de tres modelos de colmeas mobilistas: a Ledo-Argozón, a Vivero e a Avión, ademais de crear melloras relevantes en varios utensilios do oficio apícola.
O conxunto de actuacións nas que participa o eclesiástico lucense incrementa a súa fama como apicultor e coñecedor das prácticas modernas, converténdoo, xa entrado o século XX en o Cura das abellas, alcume co que será popularmente coñecido ata os nosos días. A longa traxectoria de iniciativas vinculadas coa modernización da apicultura en Galicia nas que participa ten o seu punto de apoxeo coa súa designación, por parte da Deputación de Lugo, como profesor provincial de apicultura. Así, desde o ano 1927 ata o 1948 Ledo desenvolve unha ampla e variada gama de actuacións vinculadas coa propagación e fortalecemento do mobilismo. Deste modo, convértese en profesor de apicultura en centros de ensinanza na capital —o Seminario Conciliar, o Instituto nacional de segunda ensinanza e a Escola Normal de mestras—, instala varios apiarios tanto na cidade de Lugo como en diferentes puntos da provincia, continúa realizando conferencias en municipios e sindicatos e tamén publica materiais formativos específicos, sendo destacable o seu Cursillo práctico de Apicultura, que se converte nunha obra de referencia no ámbito galego. As tarefas realizadas desde a Deputación posibilitan o incremento do número de colmeas mobilistas na provincia e a expansión das prácticas modernas, ademais de contar cun elevado número de alumnos e discípulos que continuarán a súa expansión.
En definitiva, e a modo de conclusión final, non sería posible entender o proceso de modernización apícola en Galicia, co progresivo aumento da importancia do sistema mobilista e a expansión das colmeas modernas, sen coñecer o papel xogado por Benigno Ledo durante os seus 83 anos de vida.